Ola a todas e a todos! O meu nome é Miguel Grandío López e dedícome ao sector audiovisual. Son Técnico Superior en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, así como graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo. Ademais, tamén teño o título de Monitor de Actividades de Tempo Libre e unha extensa lista de cursos relacionados co audiovisual, co deseño, co marketing dixital, co coñecemento de linguas e coa escritura para a internet, así como tamén relativos ao tempo libre. A maior parte deles están detallados no meu perfil de LinkedIn.

Primeiros traballos

Cubrindo a investidura de goberno en 2016

Cubrindo a investidura de goberno en 2016

Xa dende antes de finalizar os meus estudos fun inquedo e non parei un momento. Creei unha pequena asociación audiovisual cuns amigos, O Galiñeiro Escuro, que aínda temos activa. Vivín tamén moitas rodaxes e gravacións, algunhas delas mesmo liderando un equipo de case 20 persoas, como no caso da mediametraxe que dirixín, Vento Ferido. Está inspirada na primeira obra do escritor Carlos Casares e pretende traer á actualidade os problemas que el relata para ver se seguen vixentes 50 anos despois. Tivemos a sorte de facer unha pequena xira de proxeccións e presentacións por toda Galicia, ademais de crear unha unidade didáctica para traballar a obra nas aulas. Unha experiencia tremenda!

Logo disto resultei gañador, xunto cuns compañeiros, do Proyecto Mañana. O Proyecto Mañana é un concurso que organiza Atresmedia entre varias universidades estatais buscando novas propostas na súa extensa presenza dixital. O completo informe que entregamos e a defensa do mesmo ante os xefes de cada unha das divisións do grupo deunos a vitoria e permitiume traballar un tempo alí, nun dos maiores grupos de comunicación de España. Estiven na sección dixital, principalmente gravando e editando entrevistas, reportaxes e making of para as diferentes divisións da empresa. Aprendín moito, pero a morriña chamou á porta e volvín a Galicia.

Mundo laboral

No Campo de Traballo de Cotobade

No Campo de Traballo de Cotobade

Xa de volta, estiven traballando en en Teltek Video Research, S.L., que é a concesionaria do servizo audiovisual da Universidade de Vigo. Trátase dunha empresa de telecomunicacións especializada en vídeo e streaming para institucións académicas. Non en van, é a responsable das televisións en liña de universidades como a de Vigo, a de Santiago ou a UNED, aínda que tamén opera internacionalmente. O meu traballo centrouse na realización de pezas de vídeo para a televisión en liña da Universidade de Vigo e do Campus do Mar. Foi unha experiencia moi boa, xa que fixen practicamente de todo: streaming en directo, realización de galas, montaxe e manexo de equipos robotizados, manexo de equipos de audio e vídeo do máis diversos, edición de motion graphics e mesmo publicación web de contidos. Todo este traballo serviume para gañar versatilidade e coller soltura traballando con diferentes tipos de equipos e materiais.

Paralelamente a todo isto aproveitei para facer traballos no eido do Tempo Libre. Participei como monitor do Campamento de Furelos, en Melide, na 4ª quenda do verán de 2016. A educación, en todos os seus aspectos, é fundamental; puiden traballar niso coas rapazas e rapaces do campamento durante dúas semanas dende un punto de vista máis achegado que o do seu profesorado habitual. Repetín o posto de monitor un ano máis tarde, no verán de 2017, pero esta vez con adultos: foi no Campo de Traballo Audiovisual Internacional de Cotobade, onde ademais de facer actividades relativas ao tempo libre tamén coordinei o apartado técnico audiovisual. Puxen a proba o meu inglés impartindo algunhas aulas e, en xeral, foi novamente unha experiencia fenomenal: permitiume achegarme a outras culturas e tamén foi un reto máis no que poñerme a proba.

Gravando as Sesións Destelo

Gravando as Sesións Destelo

Outros proxectos

Hoxe en día produzo, gravo e realizo a difusión das Sesións Destelo, sesións musicais de cancións en galego rexistradas en vídeo pensadas para ser compartidas en internet. Este proxecto permítenme non oxidarme e traballar a prol da cultura, que é algo que me parece fundamental. No seu día fixen prácticas na Televisión de Galicia, colaborei no xornal dixital Compostimes e tamén traballei man a man cun grupo de improvisación para facer máis completo o seu espectáculo. Colaboro habitualmente como reporteiro, ademais, coa xente de GZMúsica. Se queres que che amplíe calquera destas cuestións, só tes que poñerte en contacto comigo e explícoche!

Cal será o seguinte paso? Hase saber! 🙂