A rede volve encherse de música en galego!

  • As Sesións Destelo recorren de novo o país na procura de proxectos musicais actuais que teñan cancións na nosa lingua.
  • Serán seis os vídeos que formen esta nova tempada, que se sumarán aos doce xa publicados ata o de agora.
  • A receita: unha realización audiovisual simple e variedade musical.

Arrincou a terceira tempada das Sesións Destelo: xa está na rede NeoRural, o tema que o grupo vigués de garaxe-punk Bakarrá! decidiu levar ao formato semi-acústico para abrir esta nova escolma de música galega. Este é o primeiro dos vídeos que forman a terceira tempada deste proxecto, que será completada nas vindeiras semanas con outras cinco actuacións únicas en localizacións do máis curiosas.

Bakarrá! gravando a última das Sesións Destelo

Pero, que son exactamente as Sesións Destelo? Son, simplemente sesións musicais en galego. Trátase de vídeos onde grupos ou artistas da nosa terra interpretan algún dos seus temas nun formato íntimo e orixinal nunha contorna peculiar. A idea é ofrecer unha versión diferente á que o público pode atopar nas salas de concertos ou nos festivais, e todo iso dende a comodidade da pantalla dos seus computadores ou teléfonos intelixentes.

Activismo cultural e novidades

Estas sesións son un proxecto sen ánimo de lucro que naceu coa teima de potenciar o uso da lingua galega na música e co afán de derrubar algúns prexuízos aínda existentes a ese respecto. Pensadas por e para millenials, mais sen pechar a porta a ninguén, as Sesións Destelo convertéronse nunha importante xanela para os proxectos musicais feitos no noso idioma.

O mapa das Sesións Destelo é unha das novidades da terceira tempada

Entre as novidades desta nova tempada atopamos un mapa que xeolocaliza as sesións xa gravadas e onde irán aparecendo as que están por vir. Desta volta podemos confirmar que acabarán tendo representación as catro provincias galegas.

Dous anos de Sesións Destelo

As Sesións Destelo están a piques de cumprir dous anos na rede axudando aos e ás melómanas a descubrir proxectos musicais en galego. Neste tempo os seus vídeos acumulan arredor de 8.000 reproducións na súa canle de YouTube e por diante das súas cámaras pasaron dende grupos históricos, como Ruxe-Ruxe, ata bandas moi novas que amosaron ao mundo por primeira vez o seu talento grazas a este proxecto.

Que depara o futuro? Como dicimos, polo de agora, varias semanas de música en galego na redes. Dende as Sesións Destelo emprázase a todo o mundo a estar atento tanto á súa canle de YouTube (onde vos podedes subscribir) como á súa web e ás súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter), onde ademais de anunciar a saída dos novos vídeos se irá compartindo contido adicional das gravacións e novas relativas á música galega.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta