As cidades galegas máis populares na música

As cidades galegas máis populares na música

Vivimos nunha terra incrible que dende hai anos inspira tanto a artistas locais como a xente de fóra que se sorprende pola beleza da súa natura e da súa xente. Moita tinta se ten gastado para teorizar ou, simplemente, divagar arredor de Galicia, pero tamén moitas gorxas teñen deixado un berro no ar inspirado polo noso país. Pero, cal é a cidade galega máis amentada na música? Descubrámolo!

As cidades son lugares que nos poden gustar máis ou menos, pero é innegable que son unha boa fonte de inspiración. Dende hai tempo, milleiros de artistas se inspiraron nelas á hora de levar a cabo o seu traballo. A xente de Holidu, un buscador de alugueiros vacacionais e apartamentos, realizou un estudo para determinar cales son as cidades que máis veces se mencionan na música. Como non é sorpresa, os primeiros postos ocúpanos cidades como Nova Iork ou grandes capitales europeas. Pero, que posto ocupan as cidades galegas nesta listaxe?


O Galicia está de festa foi un dos éxitos das festas adolescentes das millenials.

Antes de ir ó miolo da cuestión, falemos da metodoloxía do estudo: a través to catálogo de Musixmatch, que ten rexistradas as letras de máis de 14 millóns de cancións, buscouse a coincidencia exacta do nome da cidade que se menciona en máis ocasións, de entre as máis de 300 que analizaron (sumando as mencións de cada cidade en 6 linguas diferentes).

Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo?

Illas Cíes
As ondas do mar de Vigo | 2861948

De entre as cidades galegas incluídas no estudio, Vigo é, con 128 mencións, a cidade galega máis popular do informe. Ocupa o duodécimo posto na clasificación estatal, que lideran, como non é sorpresa, Madrid (con 2.890 cancións) e Barcelona (con 1.600 mencións). Se buscamos os motivos polos cales a cidade olívica é a máis popular das galegas nesta listaxe, probablemente teña algo que ver a movida viguesa, así como a súa respectiva movida no caso da capital de España. Non fai falla rebuscar moito para atopar cancións que, xa non só nomean Vigo, senón que mesmo xiran a redor da cidade, como o mítico berro de “Hey, hey, Vigo, give me one more chance, que xa cantaban Siniestro Total alá polo 84 (e que vinte e cinco anos máis tarde volveron gravar Novedades Carminha). E, se queremos ir un pouco máis alá, podemos recordar tamén o primeiro disco doutro daqueles grupos imprescindibles da movida, Os Resentidos. Vigo, capital Lisboa non xira arredor da cidade, pero seguro que tivo moito que ver á hora de inspirar o delirio, como di Fernando F. Rego, que o compón.

Portada do disco Alfaias, de Fanny & Alexander
Fanny & Alexander: como Vigo ou Berlín

Pero, claro, non só dos setenta e dos oitenta vive Vigo. A meirande cidade galega ten moita máis historia alén do Vigo industrial e proletario que en certo sentido motivou a aparición da citada movida. Cando souben que era a cidade galega máis citada na música comenteillo a unha amiga e a súa resposta foi demoledora: “de Vigo son as cantigas. Fin“. Tamén me dixo “58 veces Cuenca, está ben“. Bromas aparte, non era algo que se me escapase tampouco a min, e é que estamos vivindo momentos moi especiais nos que as cantigas volven estar de actualidade: o Pergamiño Vindel está exposto en Vigo dende outubro de 2017 ata marzo de 2018, e é a primeira vez que este documento regresa á terra onde foi escrito. Aínda que pareza que un escrito do Século XIII pouco ten que ver cos nosos días, abonda procurar “Ondas do mar de vigo” no Spotify para que nos ofreza máis de 50 resultados. Ollo con iso!

Vivir na Coruña que bonito é, pero a Santiago voy…

Que outras cidades galegas teñen tamén ampla presenza na música? Que máis nos pode achegar este estudo? Pois ben, aínda que os datos publicados non inclúen máis cidades galegas, falamos coa xente de Holidu para que nos facilitara, se era posible, máis datos. Sen apenas demora, e en perfectísimo galego (a ver cando aprenden algunhas empresas da terra…), facilitáronnos os datos dos que dispoñen, que son os seguintes: A Coruña é nomeada en 34 cancións, e Santiago de Compostela en 28. Supoñemos que o resto das cidades galegas non foron contempladas no estudo, pois, como comentamos ao principio, analizáronse arredor de 300.

Portada do CD Mar Maior, de Luar na Lubre
Luar na Lubre versiona “Ao pasar pola Coruña

A xente da Coruña gusta de andar de parranda e durmir de pé, así que podemos imaxinar que esa cidade ten que dar para moitas historias incribles susceptibles de ser contadas en cancións. A tradición popular está chea delas, pero as súas xentes seguen inspirando cancións a día de hoxe, como a que fixo non hai moito a cantante Lucrecia sobre a figura de María Pita para a serie de animación infantil Los Lunnis.

O Camiño de Santiago axudou a poñer a Compostela no mundo, e probablemente o primeiro que se nos ven á cachola se pensamos nalgunha canción que fale da capital galega sexa o “A Santiago voy“, o grande hit de Los Tamara, precursores do pop galego. Non foron os únicos, claro. O Camiño de Santiago tamén foi o xerme dun dos discos máis populares do heavy/rock español: o Finisterra, de Mägo de Oz. Ao ser unha cidade con tanto carácter, non resulta estraño que mesmo un dos temas que soou en moitos festivais o verán pasado trate sobre ela: falamos do “En Compostela“, de Dakidarría.


A Santiago voy é probablemente a canción máis coñecida de Los Tamara.

Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e mailas vilas?

Por desgraza o resto de cidades e vilas galegas non foron contempladas para este estudo, é de supoñer que porque previsiblemente o número de veces que aparecerían sería inferior. Malia todo, somos conscientes de que a música popular galega fala moito, e xeralmente moi ben, de todo canto recuncho temos nesta terra. Non é por presumir, pero xa o di o Emilio José: “Madrid mola moito, mais non tanto coma Lugo 😉 .

Lugo mola moito | cristinamacia
Lugo mola moito! | cristinamacia

Subide ao tren da música, e viaxade, por exemplo, con Andrés do Barro, polo norte do Miño. Tedes que desculpar que volva aos clásicos, pero é que me gusta facer fincapé en que temos unha variedade inmensa de temas que loan a nosa terra sen ter que morar en retrousos que resumen o evidente, como aquel “A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra“: para as que gustan de resumir unha identidade en postais só podo recomendarlles un chisco de retranca.

Imaxe destacada: usuarios de Pixabay (CC0) + elaboración propia.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta