Como se fixo: #SDT04 – Deseqilibrio Mental

Hoxe imos falar de Deseqilibrio Mental. DESEQILIBRIO, con Q sin U. Son uns amigos da Casalonga que levan unha chea de anos facendo ruído dispostos a rachar cos Séculos Escuros e a defender o seu, que é tamén o noso. A súa irreverencia é exemplar, e os seus directos cheos de metal pesado e demoledor. Como somos especialiños, nas Sesións Destelo quixemos baixarlles o automático para ver de que eran capaces sen amplificadores e distorsión… e, oístes? Nin tan mal!!

O Anxo pegándolle uns berros
O Anxo pegándolle uns berros

Coñecín a Piedra na gravación da sesión de Medomedá. Eu tíñao visto zoupándolle á percusión dos míticos Astarot, pero non sabía que o facía tamén nas baquetas de Deseqilibrio. Contoume un pouco a historia do grupo e eu conteille de que ían as Sesións Destelo: como os dous proxectos casan moi ben, quedamos en que lles ía propoñer participar ao resto do grupo, así que nos emprazamos a falar nuns días. Probáronse en acústico e pronto tiven a resposta no WhatsApp: “Eeei meeeu, confirmado con Deseqilibrio. Cando podemos facelo logo?”. Hora de poñerse a organizar!

Quedamos no seu local para despois movernos a unha canteira abandonada que hai pola zona. “imos facer Cultura de verbena, que sei que che mola!“. Mólame, si. Mólame porque coa letra, dende o concreto do seu lugar, do seu grupo de colegas, chegan ao universal… ou, polo menos, ao galego universal. Eu nunca estiven en Francos, Bastavales, Luou ou Bugallido, pero asumo que as súas festas son como as de San Pedro, Valcarría, Naseiro ou Xunqueira, algúns dos meus referentes en canto borracheiras en verbenas de verán.

Preparando a Sesión cos Deseqilibrio
Preparando a Sesión cos Deseqilibrio

A localización escollida foi un acerto. Os lugares abandonados teñen un áurea especial por todas as historias que gardan. Cun pouco de imaxinación era fácil ver como estaba aquilo apenas 10 anos antes… por iso, e porque a irreverencia é o que ten, fomos directos ao despacho do xefe a cagarnos en dios. Literalmente, porque é unha frase recorrente na canción. Tras unhas poucas tomas, quedou a sesión lista. Aproveitamos o lugar para tirar unhas fotos e logo tomámoslle a caña regulamentaria para comentar a xogada.

Marchei de alí con moi boas sensacións. Ao editar a sesión na casa, confirmei que había motivos para sorrir, pois quedou caralluda. Marchei da Casalonga co gusto de ter coñecido a xente de puta nai que aproveita o seu tempo libre para reivindicar a través da música o que consideran xusto. Xente agradable e moi educada… aínda que, de vez en cando, pois tamén teñen que cagarse en dios!

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta