Como se fixo: #SDT05 – Contenedor de Mierda

Hoxe imos falar dun dos grupos co nome máis estraño de Galicia. De feito, e segundo a revista Pentavox, o gañador nesa categoría. Cousas do destino, deuse a casualidade de que eu estiven eu estiven alí cando se fundou… ou algo así. Lembro perfectamente que foi na Sala Malatesta, tempo antes de que se chamase así pero posterior aos xa pretéritos da Sala Nasa. Como o achegamento ao nome foi oral, non acababa de quedarme claro se ían ser Contenedor de Mierda ou Con Tenedor de Mierda, e a verdade é que esa bipolaridade me gañou para sempre. Lin nalgunha ocasión unhas declaracións do Carrabouxo nas que dicía que os xogos de palabras son “moi agradecidos”: aquí a proba empírica.

Parte de Contenedor e un amigo común o día que se xestou proxecto
Parte de Contenedor de Mierda e un amigo común o día que se xestou proxecto

Contenedor de Mierda existen en serio, pero case de broma. A gravación dos seus primeiros temas, na Vaccueva, está documentada a través dun pequeno vídeo que se pode ver en YouTube: substancias de dubidosa procedencia, moito alcol (de dubidosa procedencia tamén) e distorsión a saco. O grupo foi unha especie de agasallo para Sara en forma de vale: “Vale para montar unha banda de punk durante un día e gravar unha maqueta“. E a cousa quedou tan ben que a vixencia dun día pasou a ser de meses, e a dos meses pasou a ser dun ano e medio polo de agora, que é o que levan tocando.

Van de hippies, #PeroNo
Van de hippies, #PeroNo

O conto é que facía falla un grupo ben punk para saír nas Sesións Destelo, así que me puxen en contacto e ameaceinos con sacar á luz a foto que vedes enriba se non accedían a saír nunha das Sesións Destelo. Obedientes, participaron e mesmo interpretaron unha das cancións máis recentes que tiñan, pero como creo que estaban de resaca, pois publícoa igual a modo de escarnio público do século XXI.

Desbordan actitude e chulería, pero no fondo son doces como as flores que levan nas orellas. Se vos gusta pasalo ben sen entender nada, recoméndovos o seu directo: sei de quen asegura que pasan cousas marabillosas como recibir bicos múltiples de xente variada en lugares diversos do corpo, e iso sempre é un aliciente. En canto a sesión, pois valorade vós, pero nós cremos que quedou ben chula, vai directa, sen cortes, porque con Contenedor de Mierda ten que ser así. Se queredes saber do grupo, seguídeo en Facebook, que aínda que sodes punkis, sabemos que andades nel.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta