Como se fixo: #SDT07 – MJ Pérez

Meses de esforzo e algún tamén de pasotismo, recoñezámolo. Correos electrónicos van e veñen, repaso de materiais, planificación de datas… Custou, pero chegou por fin. Arrancamos xa a segunda tempada das Sesións Destelo! A inercia do traballo ben feito vainos ir arrastrando durante semanas por unha serie de vídeos musicais de artistas que fan música en galego: xa non hai volta atrás. Culpables de que isto funcione hai moitas, pero unha delas é María José, ou, o mellor dito, MJ Pérez.

MJ Pérez é unha desas persoas que lle dá un pouco a todo e que todo o fai bastante ben: é guitarrista, cantante, compositora, realizadora e produtora audiovisual. Antes de poñerme a escribir isto decidín repasar a súa biografía e descubrín que a coñezo case case dende o seu inicio na música. O día que gravamos a sesión non llo dixen por non parecer un stalker (ela, que é millenial coma min, entenderá a que me refiro), pero sígoa dende hai moito tempo: por casualidades da vida cheguei a un vídeo no que ela interpreta algúns dos seus temas e xa quedei namorado do que fai. Internet non esquece, e aínda está nese vídeo o meu comentario preguntando onde atopar máis música daquela rapaza! Case me emociono recordando aquelas primeiras cancións coas que descubría a MJ. A música ten o poder de facernos viaxar no tempo e no espazo, e eu estou retrotraéndome a anos atrás coas súas melodías e letras intimistas coas que tanto me identifiquei no seu día. Conseguir iso coa túa música ten que ser extraordinario.


MJ Pérez tamén realiza algúns dos seus propios videoclips

Xa está, xa pasou. Abonda de melancolía. Deixo o pasado e volvo ao presente, que o pasado, por marabilloso que fose, sempre está ben onde está. O que quero recalcar con esta pequena retrospectiva é que seguín de preto boa parte do crecemento do proxecto de María, e iso fai que sexa aínda máis especial para min poder contar con ela nas Sesións Destelo. MJ pelexou como unha auténtica guerrilleira para abrirse un camiño no mundo da música galega, e ademais tivo a ousadía de facelo na lingua propia do país. Un exemplo de constancia e bo facer que, polo menos aparentemente, está dando os seus froitos. María podería ser un perfecto referente para unha xeración na que ás veces pecamos de certa desidia e falta de compromiso social. Bravo por demostrar, con feitos e non con palabras, que se pode.

MJ Pérez nas Sesións Destelo
MJ Pérez nas Sesións Destelo

Contactei con ela para propoñerlle participar e amosouse moi disposta. Non levou nada cadrar unha data e un lugar que viñese ben aos dous, e o día da gravación todo foi máis ou menos sobre rodas. A idea principal non era a de gravar coa néboa, pero tras falalo pareceunos unha idea caralluda e decidimos aproveitar a meteoroloxía no noso favor. Cando digo que a cousa foi ben refírome ao global do asunto, mais houbo cousiñas, claro: problemas coa gravadora de son, interrupción da gravación por coches ou mesmo por unha enorme empacadora que tiña maior necesidade de usar a estrada cá nós… nada grave, ao fin e ao cabo. Decidir o lugar exacto, trazar os movementos, unhas poucas tomas e listo.

Para recuperármonos do frío fomos tomar un café ao centro de Arzúa, concello de onde é orixinaria María e onde estabamos gravando. Alí mantivemos unha conversa moi agradable onde compartimos puntos de vista sobre a música, o audiovisual, a lingua ou o mundo laboral. Todo isto, por suposto, en clave de millenials. A gravación da sesión de MJ pódese resumir nunha mañá agradable da que saíu un vídeo do que penso que ambos estamos moi orgullosos. Foi unha maneira ideal de comezar a segunda tempada con ilusión no proxecto, vendo que é posible facer cousas diferentes e de calidade se te xuntas coas persoas adecuadas. Chute de motivación!

Non quixera parecer Mr. Wonderful con tanto optimismo, pero do mesmo xeito que creo que hai que protestar cando as cousas van mal, tamén hai que resaltar as partes boas da vida e das persoas. Pódovos asegurar que non era a miña intención loar tanto a María neste artigo, pero é que repasando os feitos non podo senón facelo. E é que cando se está a gusto as cousas adoitan saír ben. Para mostra, un botón.

 

 

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.
2 COMMENTS
  • Anxo Blas
    Responder

    Parabéns polo traballo,pola axuda e aposta de música e músicos que fan o seu traballo en galego. O video é chulísimo e a neboa é unha protagonista máis da secuencia, un acerto cen por cen,Ánimo no teu traballo que somos moitos que o seguimos e agradecemos. Anxo Blas

    1. Miguel Grandío
      Responder

      Anxo! Grazas polas túas palabras, de veras. Unha aperta! 🙂

Deixa unha resposta a Anxo Blas Cancelar a resposta