Como se fixo: #SDT08 – O Gato de Cheshire

O Gato de Cheshire é un personaxe ficticio do folclore inglés que Lewis Carroll popularizou ao incluílo no seu libro Alicia no país das marabillas. Trátase dun felino moi singular, pois pode desaparecer e aparecer ao seu gusto. Gusta de facelo aos poucos deixando ver só o seu sorriso: afirma ademais que  probablemente todas vimos gatos sen sorrisos, pero nunca un sorriso sen gato… ata hai ben pouco, cando nacía un grupo homónimo cargado de sorrisos e boa música, pero sen rastro do animal. Eles, co seu peculiar estilo, fan coma o gato de Alicia: son dadores de consellos e reflexións filosóficas, pero fano arroupados da base de guitarra de Jonathan e das melodías de Isma ao violín. Non en van, Jonhatan, ademais de facer música, é filósofo e director da Revista Lume.

Podes seguilos en Instagram

Eu, persoalmente, non coñecía esta banda ata que se puxeron en contacto coas sesións a través de Instagram, que é onde máis activos están (se es máis de Facebook, tamén podes atopalos alí). Malia a súa calidade musical, tampouco é raro que aínda estean no underground: aínda que ambos teñen traxectoria musical detrás, non levan nin un ano con este proxecto, e ademais Ismael non vive en Galicia, co que se lles complica o feito de ensaiar e dar concertos. Porén, están a preparar, supoño que con moito Skype e paciencia de por medio, o seu primeiro disco: Conexión. Nós, a verdade, estaremos moi atentas porque estamos desexando escoitalo!

Establecer unha data para a gravación non foi tarefa doada porque, como dixemos, é difícil conseguir cadrar co gato ao completo, malia seren só dous. As vacacións de nadal e ano novo foron propicias para o encontro, e ademais viñeron co regalo de Iván e Pedro, que se uniron á gravación reforzando o son de Construíndo un pasado e conseguindo facer a gravación algo aínda máis especial. Supoñemos que xa a viches, pero se non o fixeches, non sei a que esperas!

Gravamos no salón dunha casa da familia de Isma, en Arcade. Xogaban na casa, xa que o grupo se orixinou nesta vila de Soutomaior, a meirande do concello, na comarca de Vigo. Á luz das lámpadas déronlle unhas cantas voltas á canción para arranxar os diferentes instrumentos mentres nós montabamos o equipo de gravación. Aquel salón tan íntimo foi a ultima opción, xa que a idea era gravar ao aire libre, pero foi descartada por mor da meteoroloxía. Ás veces a opción B é a mellor: sinceramente, non imaxino ese tema noutro sitio. É ideal, non credes?


Lapas é a protesde d’O Gato contra os incendios forestais

Polo demais, a gravación foi case mallada. Nós tivemos a sorte de coñecer este grupiño nos seus comezos e queremos que vós poidades presumir diso mesmo cando anden a xirar e a petalo polo país adiante coa súa orixinal proposta. Isma, Jonathan, agardamos impacientes esa Conexión! 🙂

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta