Mielitza nas Sesións Destelo

Como se fixo: #SDT09 – Mielitza

Parece difícil de crer, pero o xermolo desta sesión ten case un ano de antigüidade. Foi, precisamente, na semana da estrea da primeira sesión que realizamos cando Produtriz se interesou polo proxecto. Daquela estaban as cousas máis ou menos pechadas, pois, como moitas sabedes, este proxecto naceu como un Traballo de Fin de Grao. Ese foi o motivo de que non puideramos materializar antes a colaboración. Co comezo da segunda tempada vimos o momento perfecto para retomar o contacto con Bea e falounos de Mielitza: desta si, chegou o golpe certeiro.

Carla López, de Mielitza
Carla López, de Mielitza

Mielitza é unha banda encabezada por Carla López, compositora, intérprete e musicoterapeuta que leva practicamente toda a vida ligada ao eido musical. Esta multiinstrumentista acompaña habitualmente a Silvia Penide no teclado e nos coros, pero tamén forma parte de Femininoplural e Caravan. E ademais ten tempo para Musicoterapiactiva, o seu centro, o primeiro de Coruña, de musioterapia. Para Mielitza, Carla reuniu a unha banda de escándalo que fai sentir afortunado a quen ten o pracer de escoitalos ou conversar con eles: Bruno Couceiro (batería), Pablo Sanmamed (baixo) e Iago Mouriño (teclados).

Foi na primeira quincena de xaneiro cando se gravou a sesión, coa resaca das festas de nadal e aninovo aínda latente. A gravación tivo lugar en Serea Técnica Vocal, na Coruña, o centro de canto e técnica vocal que ten Paula Rey na cidade: un recuncho acolledor no que a voz é a protagonista, ideal para o noso cometido. Ás veces cando se xunta mestura tanta xente diferente cun único fin pode agromar o caos, pero non foi para nada o caso. A profesionalidade de toda a cadea e a seriedade coa que se enfocou a gravación foi total e de agradecer, xa que a experiencia demostra que non sempre é así. Cando cheguei ao sitio xa estaba todo listo, e en apenas dúas ou tres voltas a “Xa” tiñamos a sesión (após, iso si, de descalzarme por mor do ruído que facían os zapatos no parqué) .

Mielitza interpretando "Xa"
Mielitza interpretando “Xa

Malia todo, non faltou o humor nin unha boa laretada unha vez feito o traballo. Carla e Iago (xa que ao ser o formato acústico só viñeron eles dous) estivéronme falando dos seus respectivos traballos e da súa relación coa música, e logo uniuse Paula para máis do mesmo. Compartimos impresións e opinións nun ambiente moi agradable arredor dun café. Ata me contaron a historia detrás do nome da banda, Mielitza! O que pasa é que se queredes sabelo, ídesllo ter que preguntar vós 😉

Por certo, esta primavera lanzarán o seu primeiro disco, Unha illa. Estade moi atentas ao seu sitio web e ás súas redes (Facebook, Instagram, Twitter…) para non perdervos nada!

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta