Ferro a fondo co lume no lombo

Como se fixo: #SDT01 – Alberto Busto

En febreiro do presente ano deron comezo as Sesións Destelo. O proxecto víñase cocendo dende bastantes meses atrás, pero foi un sábado do mes de entroido cando tivo lugar o primeiro paso en firme. Para evitar tropezar, o mellor, tirar de amizades: Alberto Busto, que ademais dun gran músico, resulta que tamén é colega. É coñecido por dar tralla e berrar cos Arrhythmia, mais ás veces colga a guitarra acústica do pescozo e pon o traxe de cantautor… coas influencias bastante claras, iso si.

Outra posible localización.

O caso é que malia sermos os dous de Lugo (#AMellorProvincia, para quen non o saiba), o mundo levounos no profesional cara outras terras. Así que a primeira hora subín dende o fondo de Pontevedra ata A Coruña recoller a Uxía, que ese día me botaría unha man. Marchamos cara Arteixo buscar un sitio cuqui onde gravar, e demos con moitos problemas: o vento, a luz, o barullo… cansos, decidimos ir xantar, xa o pensariamos co Alberto pola tarde. Cando chegamos onda el, aquilo estaba cheo de xente. Recollémolo e o resto quedaron alí. Prometeu levarnos á praia máis próxima, e así foi. Eu tiña medo polo industrializado da zona, mais funcionaba, e moi ben.

Atopamos unha rochas para agochar o material e gravamos tal e como estaba previsto, conseguindo ademais un contraluz ben chulo pola hora á que era, xa que o sol comezaba a agocharse. Foi ben, e en poucas voltas tiñamos a sesión lista. Alberto cumpriu como un profesional, e Uxía e mais eu tampouco tivemos dúbida. Ao chegar á casa e botarlle unha ollada ao gravado vímolo claro: Sesións Destelo era iso, e xa estaba en marcha.

Esa noite había un concerto xenial na Coruña onde poder celebralo. Vendo a Desakato e a Berri Txarrak atopámonos de novo con Alberto e con toda a tropa que estaba na súa casa pola tarde. Por certo, díxenvos que eramos case todos de Lugo?

Boa música e suor para poñer fin a un día caralludo. Agardamos que a sesión vos preste tanto como a nós 🙂

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta