Como se fixo: #SDT10 – Vudú

Vudú (antes Voodoo) son Belém Tajes ao teclado e á voz e Maritxinha ao baixo. Coñecémolas de casualidade no backstage do Festival Revenidas 2017, e aproveitamos o merchandising das Sesións Destelo que levaba no peto para subornalas e facerlles a proposta “indecente” de participar deste proxecto. Quedamos de falalo, e falámolo: tras barallar localizacións e cadrar datas conseguimos sacar á luz esta pequena marabilla que deron en chamar “Preludio da Lúa”. Fermoso tema, non si?

As Voodoo coa Coruña detrás.
As Vudú coa Coruña detrás.

Cousas da vida, a primeira sesión que gravamos na provincia de Lugo resultou vir da man de dúas coruñesas. Elas foron quen falaron con Toni Seijas (mil grazas!) para conseguir que nos abrisen as portas do emblemático Casino de Mondoñedo, local que enchemos de música, moi gustosas, durante unha mañá. Aquel salón garda aínda o esplendor doutros tempos nos que esta vila mariñá tiña unha importancia superlativa no noso territorio: aínda que hoxe segue o camiño de moitas outras poboacións do país que van esmorecendo en canto o número de habitantes, no seu día foi capital dunha das sete antigas provincias galegas.

No local recibiunos fugazmente a Ugia Pedreira, veciña de Foz, e alí nos deixou carrexando equipo e facendo as probas e os ensaios: esta é realmente a primeira entrega das Sesións Destelo que ten algún tipo de amplificación eléctrica, pero é un privilexio que lles permitimos ás Vudú tendo en conta o peculiar do seu estilo, o Soulk (así se definen elas, mesturadoras de Soul e Folk). Son posuidoras do Premio Martín Códax da Música na categoría Blues/Funk/Soul na IV edición dos mesmos, e con ese currículo habíalles que permitir algún capricho…

Voodoo, xente seria :)
Vudú, xente seria 🙂

O resultado da sesión podédelo xulgar vós mesmas, así que non ten sentido darlle máis voltas ao tema. Pódovos falar do caldiño que papamos logo de gravar, para entrar calor, pero quizais tampouco vos interesaría demasiado. O maior aporte que podo facervos nestas liñas é dicirvos que Mondoñedo e a súa xente nos acolleron cos brazos abertos e con moito agarimo.

Xa sen Belém e Maritxinha, que son xente de ben e con obrigas (tiveron que marchar logo do xantar), quedamos para visitar a catedral e patear as rúas mindonienses. Tivemos, de casualidade, unha visita guiada excepcional ao templo relixioso, e mesmo compartimos unha agradable fala con algún veciño. Ao pórse o sol tivemos que marchar, pero con gañas de volver. Non teñades reparo en visitar este recuncho do mundo: habedes volver contentas, prometémolo!

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.
1 COMMENT
  • Adriana garcia
    Responder

    Fermosa experiencia e fermosas voodoos
    Grazas

Deixar unha resposta