Como se fixo: #SDT11 – Cadela Asasina

A Cadela Asasina anda rabiosa. Pasou o inverno na bodega e agora coa primavera sae para “andar de can” todo o verán. Este animal mítico, case místico, habita na Ribeira Sacra e é escorregadizo de carallo. Ata onde sabemos gusta de festas e romarías e non é raro vela embriagada en verbenas ou festivais. Poucas foron capaces de capturar imaxes dela en vídeo… ata hoxe. Dende as Sesións Destelo propuxémonos facelo, e non paramos ata conseguilo. O resultado xa o podedes comprobar!

A Cadela Asasina volvendo á caseta.
A Cadela Asasina volvendo á caseta.

Como dicimos, foron meses de preparación e contactos previos para poder cadrar con ela: aínda que é unha, parece estar formada por varios membros que manteñen certa independencia. Cando soubemos que se xuntarían fomos conscientes de que había que aproveitar a oportunidade. Foi a mediados de febreiro deste ano, lembrámolo como se fose hoxe. Aquel día partimos rumbo á Ribeira Sacra para poder collela no seu hábitat natural, e vímola ao chegar a Ferreira de Pantón.

O primeiro que fixo ao vernos foi fuxir, estaba nunha taberna (como non) e ao ollar o noso coche saíu escopeteada ao que parecía un dos seus refuxios. Na súa escapatoria sen tregua non foi fácil seguirlle o paso… cruzámonos cunha comitiva que viña, ou ía cara a misa, e case a perdemos (isto é verídico). Chegou á ribeira do Miño por calellas desas que non saen no Street View (tamén verídico) e non lle quedou outra que parar a negociar con nós: estaba feito.

Nós, amantes da nosa terra e namoradas da maxia e idiosincrasia propia de cada recuncho que a forma, fixémoslle unha proposta: naquel lugar sería un desperdicio botar tres minutos no mesmo sitio, así que gravamos recorrendo esas pequenas e estreitas rúas tan propias das zonas de ribeira… para as que vimos doutra orografía resúltannos case exóticas. A Cadela aceptou a nosa proposta a cambio de ser ela a que escollese o tema a interpretar. Non puxemos problema por iso.

A Cadela Asasina na bodega!
A Cadela Asasina na bodega!

Entre as súas partes, neste caso seis, decidiron que o mundo debía coñecer o seu canto bravú, ese co que pon fin á hibernación e abre a tempada de festa. Deixaron de lado a instrumentación e cun par de pandeiretas e un djembé interpretaron “A Terra Chá”. Este tema conxuga o espírito de loita dos cantos partisanos (a melodía é do Bella Ciao) coa retranca tan propia que temos as galegas, cunha letra orixinaria d’O Leo de Matamá. A Cadela, malia a súa experiencia en escenarios, explanadas e torreiros, aínda é nova no mundo do vídeo e estivo un pouco cortada ao principio, pero logo colleu confianza e se ceibou da cadea da vergoña. O resultado xa o coñecedes: un paseo pola zona guiado por xente nova con moitas gañas de facer país sen esquecer a tradición, pero tampouco ancorándose a ela como algo inamovible. Grandes, Cadela! Grazas por deixarvos ver para nós! 🙂

Se queredes vela estade atentas ao seu Facebook ou Instagram e non dubidedes en achegarvos a onde vaia estar: non morde!!

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta