Os discos do ano 2017 da música en galego

Música en galego: os discos do ano 2017

Galicia, ano MMXVII. Finais de decembro. Algunhas de vós anoxades o nadal con todas as vosas forzas, mais a outras parécevos unha data máxica chea de luces e cousas fermosas. Pero no que todo o mundo está de acordo é en que ten cousas boas: adoitamos xuntarnos con xente á que non vemos o resto do ano, sentimos a ilusión á esgalla nas máis pequenas da casa e, claro, saen rankings e tops do mellor do ano en todos os medios. E dá cousiña recoñecelo, pero encántanos.

O Setedezasete
Un disco moi especial para O Sonoro Maxín.

Nas Sesións Destelo estivémonos dándolle voltas e resúltanos definitivamente imposible facer unha listaxe cos mellores discos de 2017: hai moita cousa e moi variada! Non é xusto poñer uns por riba e outros por baixo, porque non son comparables. Por poñer un exemplo: tanto nos prestan os vídeos “caseiros” do rap de autOOdio coma un concerto co jazz a piano de Abe Rábade. Por ese motivo, no canto de ordenar o inordenable, cremos que é máis produtivo facervos chegar unha pequena lista dos lanzamentos de música en galego que tiveron lugar este ano que imos camiño de pechar. Deste xeito, cada unha de vós pode coñecer propostas novas e actuais e facer o seu propio top 10 de discos en galego de 2017. Un trato intelixente, non si? Imos aló! 🙂

As vellas rockeiras nunca morren

Comezamos polo final, e é que un dos últimos lanzamentos, que ademais casa moi ben con estas datas, é o Nada(L), de Xonix Records. Trátase dunha escolma de “13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais“. Na recompilación temos algún vello coñecido, pero tamén bandas que este ano estiveron moi activas e están a defender disco: é o caso de Raiba, que neste 2017 sacaron o potentísimo Marxinación. Coñecidos por aquí tamén son os Medomedá, que ademais de agasallarnos cunha Sesión Destelo antes de despedirse, deixaron tamén o Empeorando pa mellor e grandes recordos en todas nós.

A lista de bandas que levan anos facendo posible que escoitemos música do máis variada na nosa lingua é extensa. Os míticos Rastreros, pais do bravú, volveron firmes aos escenarios con Ferro a fondo co lume no lombo. Tiveron tempo xa de defendelo sobre as táboas do Bravú Arena, no Castañazo Rock, cos Terbutalina, que andaron medio ano a voltas co Sonido Esteiro. Como sabedes, os Terbutalina son un grupo moi prolífico, como tamén o son os Esquíos, que co seu Nunca choveu que non escampara suman xa nove discos de longa duración… aí é nada!

O disco "Ferro a fondo co lume no lombro" dos Rastreros
O CD regreso dos Rastreros de Chantada

En 2017 fixeron o décimo aniversario O Sonoro Maxín, e celebrárono con Setedezasete, un disco moi especial para o grupo Ourensán que vén tras cinco anos sen entrar ao estudio. Un menos, catro, botaron Pito de Pikasso, que lanzaron en setembro Algodón de Sucre. Se non temos en conta o sinxelo Bágoas de sal, foi o mesmo tempo que tardou o República 1.0 en romper o silencio discográfico dos Liska. Dende Cambre, Muros de Pedra, o apalpador e o saca-untos, déronlle forma a Aturuxos de xenreira que foi unha das aproximacións ao hardcore-punk máis interesantes do ano.

Ataque Escampe publicaron o Primeiros bicos tamén este ano, pero facíano mirando cara atrás. É un disco cargado de nostalxia que ademais de achegarnos fantásticas historias, tráenos unha orixinal portada con varias versións que hai que descubrir tras rañar nelas ao estilo “rasca y gana”. Curioso, non si? Tanto como sentir a Os Novos no Assalto Acústico, onde contaron coa colaboración da Ukestra do Medio, que tamén estreou: seu é o Em princípio. Por último, non podía faltar neste apartado de vellas rockeiras a Sés: Readmirando a condición é unha revisión do seu primeiro álbum que inclúe ademais un tema novo. A súa é unha das voces sen as que non se podería entender a música galega actual.

2017 foi tamén, por desgraza, o ano no que rematou Medomedá.
2017 foi tamén, por desgraza, o ano no que rematou Medomedá.

Vellas e novas propostas do máis variado

Entre finais do 16 e comezos do 17 saía o primeiro disco de Berlai, un libro-cd conceptual moi interesante chamado Desconhecido. A comezos do ano saía tamén o disco anual de Fununcan: Fununcan 2016. A estas dúas propostas tan íntimas como variadas podemos sumarlles un par de bandas que representan o fermoso momento pop que está vivindo a nosa terra: por un lado, Chicharrón deu a coñecer o sinxelos Contra acantilados e Na cela. Polo outro, Atrás Tigre lanzaban en marzo o LP Fainos saír. E é que non nos podemos queixar do pop do país… e, en xeral, de ningún estilo.

Os Ruxe-Ruxe no vello Land Rover
En 2017 naceu tamén Sesións Destelo

MJ Pérez confirmou a súa proposta de canción de autora (a miúdo con banda) coa presentación de Casandra. Biribirloke, co seu peculiar estilo musical, conseguiron convencer a máis dun cento de mecenas para colaborar no seu crowdfunding e poder sacar adiante o Tentando á sorte. Mentres todo isto sucedía, e grazas tamén á achega colectiva froito do crowdfunding, os Monoulious DOP atrevéronse a editar un disco logo dunha chea de cancións as costas: a criaturiña chamouse LP Padre, e foiacompañado do LP Madre, que son os temas que xa levan tempo movendo pola rede. E no terreo da música con inspiración na tradicional Azul de Bueu editou neste 2017 un disco homónimo moi interesante.

O rap en cotas históricas

Aínda que hai exemplos extraordinarios de xente que levou a lingua galega ao rap, na actualidade este estilo musical está a vivir un gran momento na nosa lingua: abonda pasarse polo sitio web ou polas redes do colectivo Hip-hop em galego (Facebook, Twitter ou mesmo YouTube) para decatarse da cantidade de novas propostas que chegan cada semana. Foron pioneiros en dar conta de estreas como a de A dignidade non se merca, de Hugo GZ, ou dos moitos temas que estrearon este ano un dos proxectos dos que participa, Sondarúa.

Vellos coñecidos deixaron tamén unha pequena pegada este ano con algúns vídeo-sinxelos, que é algo que está á orde do día. Moitos coñecemos a Sokram e a García MC por Dios Ke Te Crew, pero agora teñen senllos camiños en solitario igual de interesantes. Por unha banda, Sokram estreou Night Club, mentres que o García sacou É a partida (con Nación Quilombo) e Cleptocracia. Neste último sinxelo, Cleptocracia, colabora GatoPersa, que andou activo tamén co seu grupo Alto Asalto, co maxi Soños e Quimeras. Este auxe de discos nacidos na provincia da Coruña complétase con Cáustica, álbum do grupo homónimo que se define como feminista e libertario.


Rebeliom do Inframundo estrearon este tema a raíz da recente vaga de incendios.

Sería delito pasar a outra categoría sen nomear aos Ezetaerre, xa que foi un dos grupos máis activos ao longo do ano. Lanzaban o seu manifesto, Aspiracións mínimas e urxentes, en febreiro, mais tamén intentaron facerse un oco no fenómeno da canción do verán con Non é verán de Estrella Damm. Agora están a defender xa o EP 100, que leva apenas un mes entre nós. Moito traballo detrás, seguro. Outro que supoñemos que pouco pararía tamén é Emilio José, cuxo Nativos Digitais ten, nin máis nin menos, 64 cancións. Alén deste, lanzou tamén os mixtapes Viajar Agadê 1 e 2 que suman entre ambos, agarrádevos, 94 temas. Ben é certo, iso si, que ten un carácter máis experimental, como o que podemos atopar no Airoa LP de Alexandre Villalba, do selo Língua Nativa. Este selo discográfico non deixou de traernos propostas interesantes.

Espazo para as crianzas

Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Olga Brañas
O ano veu cargado de disco-libros en galego

E, non podía ser doutro xeito, as pequenas da casa tamén teñen un espazo (e ben amplo) na música en galego. Este ano vin en moitos carteis a “Uxía Lambona e a Banda Molona” (un nome macanudo!), e é que veñen de estrear a súa interpretación da canción popular galega a ritmos do máis variados: A bailar coma tol@s. Tamén Magín Blanco, un dos meirandes compositores galegos, trouxo temas novos con Camiños, cun adianto realmente pegadizo. A Gramola Gominola presentou o seu segundo disco, Cancións para desafinar, como tamén fixo o seu membro Paco Cerdeira con Pakolas.

Como dicimos, non faltaron propostas para a rapazada ao longo do ano. Ás xa comentadas hai que sumar a de Mamá cabra, banda con máis de 15 anos ao lombo, que lanzou o Eu cociño, ti cociñas?. Outros novos traballos foron Fantasía coas palabras, de Papi e mami, Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Olga Brañas e Volta, revolta e reviravolta de As Maimiñas.

De todo, para todas

Agora que, de seguro, descubristes algunha proposta interesante na nosa lingua, que mellor que aproveitar estas datas para regalar cultura? Leva a alguén a un concerto dunha banda que faga música en galego, agasalla un destes cds (en agasallo.eu hai un montón deles!), ou, simplemente, comparte esta publicación nas túas redes para que a música en galego chegue a máis xente.

Este non pretende ser un exhaustivo directorio de discos e artistas que fan música en galego, xa que xa hai algún que outro pola rede. Pretendemos, simplemente, facer unha pequena recompilación dos lanzamentos de discos de 2017 compostos por cancións maioritariamente en galego. Faltarán moitos, polo que se sabedes dalgún máis podedes facérnolo saber nos comentarios ou a través da sección contacto 😉

EDITADO: Como xa advertimos, a listaxe de arriba está incompleta, polo que vos agradecemos infinitamente a colaboración facéndonos chegar os discos que botedes en falta. Por exemplo, Os Derradeiros de Trasancos coméntannos que este tamén foi o ano do seu Lixo. Pegádelle unha escoita! E sen saír dos sendeiros do rock, aínda que dun xeito ben distinto, temos que mencionar tamén Traboute, o disco do grupo homónimo que celebrou coa súa saída o décimo aniversario. No terreo máis punk e Oi! tivemos novidades discográficas grazas aos Fred and The Perrys, que lanzaron o Non haberá perdón.

Tamén nos faltaba o último disco de Uxía, outra desas voces femininas tan senlleiras da música en galego, que editou hai ben pouco, xunto coa Fundación Uxío Novoneyra, o Uxía-o, unha revisión musicada dalgúns escritos do poeta do Courel. Por último, Félix deunos conta de que esquecemos nomear na listaxe outro libro-disco infantil: o de A Banda dos Cueiros! Se as pequechas da casa non cantan en galego que non sexa porque non llelo poñedes fácil 😉


aCentral Folque ocupouse tamén da produción de Hemisferios, 8 voces, 8 mulleres.

Debemos, por outra banda, falar de Alfonso Espiño coa súa galedelia, o nome que el mesmo lle dá á súa mestura de psicodelia, pop art e un chisco de rock progresivo e folk. Con esta descripción apetece botarlle un ollo ao que fai tanto en I como no sinxelo Flores, tambores e ilusión, non si? E tamén nos faltaron algúns discos que, como ben nos apuntan dende aCentral Folque, poderían perfectamente formar parte desta listaxe: é o caso do cd Chané na Habana, de EMPA#01.

Os Flúe, vellos coñecidos das Sesións Destelo, sacaron ao límite do remate do ano o seu primeiro disco, Flúe. Dádelle volume aos altofalantes!! E tamén no mes de decembro soubemos de Sondobar, o disco de Manolo Bacalhau que saiu adiante grazas ao crowdfunding. Outra nova proposta, a de A Banda da Loba, saia tamén ao mercado este 2017: trátase de Bailando as rúas. E, no eido do hard rock, temos tamén que dar conta do 20-20, o último disco de Os John Deeres que ademais podedes descargar de balde dende O Toxo Rabudo.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.
16 COMMENTS
  • Derradeiro
    Responder

    Os Derradeiros publicamos en abril “Lixo”. Só en formato dixital. https://osderradeiros.bandcamp.com/album/lixo

    1. mgrandio
      Responder

      Ola! Graciñas polo aviso e pídovos desculpas por esquecerme, xa está engadido á publicación. A verdade é que lle teño pegado algunha volta ao Tempos Escuros, pero non tiña constancia de Lixo… xa teño traballo para hoxe 🙂

  • Marina
    Responder

    UXIA-O, de Uxía!

    1. mgrandio
      Responder

      Ola, Marina! Un despistes gordo que xa está solventado. Se ata falamos del no Twitter a semana pasada! (https://twitter.com/sdestelo/status/941646474080858113)
      Graciñas por axudarnos a completar a listaxe 😉

  • Félix Rodríguez
    Responder

    En música infantil tamén saiu o libro-disco dA Banda dos Cueiros: https://www.facebook.com/ABandaDosCueiros/ 😀

    1. mgrandio
      Responder

      Grazas polo toque, Félix, queda engadido! A verdade é que reconforta ter tantas opción para achegar a lingua á infancia, e, como se pode ver nalgúns concertos destas agrupacións, que a rapazada responda positivamente.

  • Keltoi!
    Responder

    Os compañeiros Fred and The Perrys sacaron discazo. Pero claro…non teñen manager nen padriño e xa sabemos que o punk e o Oi! non existen no país…

    1. mgrandio
      Responder

      Engadido, xa está na lista! 🙂
      Ás veces é difícil estar ao tanto de todo o que se fai na terra, e é que ademais de calidade e variedade, hai cantidade. Grazas por axudar a completar o artigo!

  • Alfonso
    Responder

    https://espinho.bandcamp.com

    1. mgrandio
      Responder

      Ola, Alfonso! Moitas grazas por compartir con nós a túa interesante proposta, fica engadida na publicación 😀

      1. Alfonso
        Responder

        Grazas a vós, Saúde!

  • Folque
    Responder

    Algunhas cousas d’aCentral Folque que poderian estar nesta lista:
    Cd: Chané na Habana http://www.folque.com/01.140415wp/escoita-chane-na-habana/
    Dixital: EMPA#01 http://www.folque.com/01.140415wp/presentacion-do-disco-empa01/
    Video: Alba María_Hemisferios http://www.folque.com/01.140415wp/hemisferios-8-voces-8-mulleres/

    1. mgrandio
      Responder

      Grazas pola achega! Como dicimos, é case imposible dar conta de todo o que se fai, xa que, por sorte, é moito. As vosas propostas están, polo de agora, pechando o artigo! 😉

  • Reices John Deere
    Responder

    Boas! Os John Deeres sacamos traballo en outubro. Saúde!

    http://otoxorabudonetlabel.blogspot.com.es/2017/10/os-john-deeres-20-20.html

    1. mgrandio
      Responder

      Ola, ola! Novamente, pedir desculpas por térsenos pasado falar de vós e moitas grazas pola achega. Queda engadida ao final do artigo para a súa consulta dende hoxe ata a posteridade! Unha aperta! 😀

      1. Reices John Deere
        Responder

        É bo sinal, iso é que hai moita cousa! Saúde e graciñas! 😉

Deixar unha resposta