Redes listas!

Moitos anuncios de empresas cuxo negocio é a presenza en liña doutras marcas rezan que hoxe en día “ou estás en internet, ou, rotundamente, non estás“. Algo de razón deben ter, posto que aínda que a poboación mundial con acceso a internet é menos da metade da poboación total, 3.400 millóns de persoas que si navegan pola rede non é unha cifra pequena. Destes últimos, o 67% son usuarios activos de redes, sendo a media de utilización das redes maior á hora e media de uso diaria nun país como España. Iso si, inclúense nese cómputo aplicacións de mensaxería instantánea como o WhatsApp, por exemplo.

Non temos bigote nin gafas de pasta, pero somos modernos: Sesións Destelo nace por e para a internet. Para achegar as nosas músicas a quen queira descubrilas, a quen queira gozalas. Por iso, queremos poñérvolo fácil. Por iso, acabamos de deixar listas todas as redes nas que decidimos que debemos ter presencia, que son, seguro, algunhas das que máis empregades. A páxina de Facebook está lista para que gustedes dela, e os perfís de Twitter e de Instagram están preparados para encherse de seguidores e de contido. Un dos piares básicos deste proxecto vai ser a nosa canle de YouTube, que queda lista tamén á espera de encherse de (marabilloso) contido: nin que dicir ten, que para estardes ao tanto do que aquí vai suceder, era ben que vos suscribisedes a ela.

Pouco máis polo de agora. O fácil, que é aquelar un pouquiño os cabezallos e as imaxes de perfil das redes, queda feito. Agora poñámonos en serio coas sesións, que para iso estamos aquí 😉

Imaxe: LoboStudioHamburg

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta