
Remate da primeira tempada. E agora que?
Ola, amigas! Como vai todo? Levades tempo sen oír de nós; normal, era plena tempada festivaleira (aínda segue!). Algunhas de vós poida que virades algunhas das historias que publicamos no noso Instagram, pero pouco máis. E iso por que? Rematan as Sesións Destelo? Non, tranquilas.
POR QUE UNHA PRIMEIRA TEMPADA?
As Sesións Destelo naceron ao abeiro dun Traballo de Fin de Grao da carreira de Comunicación Audiovisual (como tamén naceron outros proxectos coma o Galicia Fest). A obriga académica foi a escusa perfecta para comezar un proxecto co que axudar a difundir a música e a cultura en galego e, asemade, poder medrar como profesional. O gordo do traballo leveino a cabo eu, Miguel Grandío, pero pola envergadura do proxecto botaron unha man nel moita xente que merece ser nomeada:
- Uxía Bereijo, nas gravacións, e en comunicación e redes.
- Laura Ferreiro, Sozosuru, na difusión e co deseño do cartel da festa de presentación.
- Silvia G. Mirón, titorizando o proxecto.
- Iago Manoel, nalgunhas gravacións.
- Paulino Pérez, prestando material.
- Alberto Busto, na festa de presentación.
Un forte e especial agradecemento tamén ás participantes das sesións, pola súa música e pola colaboración. E, por suposto, a ti, espectadora, que gustas das sesións e valoras a nosa música e a nosa lingua. Se me esquezo de alguén, pídovos desculpas.
ENTÓN, SEGUE O PROXECTO?

Agora o traballo está aprobado, e a motivación académica esfumouse. Pero tras un mes de descanso do “laboral” (marchamos sen darvos nin un aviso do que acontecería co proxecto…) chega o momento de tomar decisións. Este é un traballo sen ningunha axuda económica pero que ten gastos e que require de moito tempo de dedicación, co que abandonalo era unha opción. Pero os folgos e a boa acollida que sentimos anímannos a seguir, aínda que quizais non con tanta meticulosidade e asuiduidade nas publicacións como na primeira tempada. Vós, simplemente, estade pendentes das nosas redes e non vos perdades as novidades 🙂
Aproveitamos o verán para falar con bandas do máis diversas e propoñerlles participar nas sesións. Agora queda preparalas e gravalas, claro. Ademais, tentaremos ir pouco a pouco amañando e mellorando problemas que identificamos na primeira temporada (tales como a escasa presenza de compoñentes femininas nos grupos ou a pouca presenza das provincias de Lugo e Ourense), e intentaremos mellorar a proposta, e mesmo innovar. A cabeza ferve de ideas, pero tamén aceptamos suxestións!
Se tes un grupo, unha banda, ou es solista, podes falar con nós e vemos de organizar algo. Lembra que non hai interese económico, polo que teremos que intentar cadrar todo de xeito que ninguén perda. Pero a ilusión é un motor que ninguén pode frear. Nós seguimos… acompañádesnos?
3 COMMENTS
[…] xa rematou o seu Traballo de Fin de Grao, pero ás súas Sesións Destelo aínda lles queda un bonito camiño por diante. Trala pausa estival, espéranos unha segunda tempada de música, música e máis música en […]
[…] de esforzo e algún tamén de pasotismo, recoñezámolo. Correos electrónicos van e veñen, repaso de materiais, planificación de […]
[…] Daquela estaban as cousas máis ou menos pechadas, pois, como moitas sabedes, este proxecto naceu como un Traballo de Fin de Grao. Ese foi o motivo de que non puideramos materializar antes a colaboración. Co comezo da segunda […]