Pegatina_sdestelo

Unha, dúas… e tres tempadas de sesións!

Podes ver todas as sesións gravadas ata o momento aquí.

Chegou o momento. Unha vez máis, e van tres, toca facer unha parada no camiño para descansar e ver como foi o andado. Cun pouco de sorte este parón servirá para collermos folgos e seguir adiante coa mesma ilusión e gañas, pelexando por difundir e pór en valor a nosa lingua e cultura, tal e como vimos facendo nas dezaoito sesións que xa publicamos.

Como sabedes, este proxecto naceu no berce académico e ese era o principal faro na súa primeira tempada, mais a segunda e a terceira xa foron feitas completamente por amor á arte, sen buscar máis beneficio que a satisfacción do traballo ben feito e a ilusión de crear un futuro mellor e máis digno para todas nós, para o noso. Conseguiuse? Minimamente, esperamos que si.

Gravando coas Maskarpone!

Un descanso necesario

Dende fóra non sempre se ve, pero estas cousas dan moito choio e ocupan moitas, moitas horas. A cousa non é gravar unha sesión e publicala inmediatamente: para que a roda xire como é debido hai outras tarefas fundamentais que hai que facer a conciencia, entre elas:

Gravando con Nuada.
  • Produción da sesión: dende contactar co grupo ata buscar unha localización e unha data viables para a gravación. Tede en conta que en cada sesión participan directamente, de media, unhas 4 ou 5 persoas que non viven disto (e nalgúns casos, bastantes máis…).
  • Realización da sesión: a gravación é bastante simple, é un plano secuencia, pero require unha análise previa de necesidades. Tamén hai que conseguir o material do que non se dispón, facer o mantemento e preparación do mesmo e solucionar, claro, imprevistos que xurdan (ruídos, meteoroloxía, etc.). Usualmente toca realizar varias tomas de cada gravación ademais da sesión fotográfica e outros vídeos que serán útiles á hora da promoción da mesma.
  • Posprodución da sesión: aínda que a edición non é complexa, é laboriosa, posto que hai que revisar cada toma a conciencia e valorar cal é a idónea. Tamén sincronizar cada fonte de audio e vídeo, corrixir a cor e mesturar o audio, que leva o seu tempo. Outra das tarefas neste punto é meter os títulos adecuados e preparar anacos de vídeo promocionais para as distintas redes. Por último, con tanto material, é fundamental asegurarse de ter todo isto ordenado e ben clasificado!
  • Difusión da sesión: trátase dunha das partes máis complexas e importantes; de non facelo ben, tiraremos pola borda moito do traballo anterior. Hai que actualizar e optimizar a web, o mapa das sesións, escribir os textos que acompañan as publicacións en redes, planificalas e facelas (rede por rede!), preparar imaxes, así como etiquetar e nomear correctamente cada vídeo e material que se xera para que a xente o atope facilmente nos buscadores. Por último, a relación con medios (entrevistas, notas de prensa, etc.) tamén supón moito traballo.

Como vedes, o que parece sinxelo non o é tanto. E máis cando queres ofrecer un traballo bo, de calidade, e non facer algo simplemente para saír do paso. Por iso precisamos este descanso, porque ocupamos gran parte do noso tempo libre con isto. E, como todas, tamén necesitamos desconectar das obrigacións profesionais e da vida, que xa son bastantes. Seguro que o entendedes ?

Agradecementos obrigados.

É de lei, antes de rematar, falar de quen facemos posible isto. Porque somos moitas máis das que parece, e todas somos imprescindibles. A primeira tempada arrancaba con estes agradecementos, pero agora na terceira temos que recalcar outros, sen esquecernos dos xa ditos:

Eu, Miguel Grandío, fun o coordinador do proxecto e o responsable de todas as fases arriba mencionadas. Son eu quen vos escribe habitualmente, pero conto con axuda: Nuria Grandío, miña irmá, que botou unha man para levar as redes, especialmente Instagram. Neste eido da comunicación, temos que agradecer tamén ás xornalistas e medios que decidiron falar do proxecto, axudando así á súa difusión.

Sesión con Berlai.

Obviamente, as persoas que forman os grupos participantes son outras das que merecen obrigado agradecemento, polas facilidades que nos puxeron e a ilusión con que nos acolleron. Tamén xente como Borja Carreiro ou Esther González que viñeron axudar nalgunha das gravacións. Do mesmo xeito, calquera persoa que nos facilitou a produción, o contacto, ou que nos permitiu gravar na súa localización (A Arca da Noe, La Casablanca…) tamén nos fixeron un gran favor e colaboraron en que as cousas saísen ben.

Pero o agradecemento maior é para ti, amiga, que detrás desa pantalla que tes na man ou fronte á cara ves, gozas e apoias este proxecto. Porque pensamos parecido, porque compartimos trincheira, ou simplemente, porque escolles esta forma de ocio para o teu entretemento: sen vós, sen a vosa resposta, é evidente que isto non tería ningún sentido.

Como nas outras ocasión, ao finalizar a tempada, non se sabe moi ben que vai pasar con isto. Polo de pronto, quedan documentadas para quen queira velas case 20 cancións en galego gravadas en lugares peculiares e con versións diferentes á orixinal. Con este legado xa nos confirmamos, pero cremos e queremos unha lingua viva e unha cultura activa, co que nos desviviremos para que isto siga adiante, porque con que as Sesións Destelo sexan útiles para só unha ou dúas persoas, xa merecen a pena.

GRAZAS A TODAS.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.

Deixar unha resposta