Volven as Sesións Destelo!

Volve o proxecto de sesións musicais acústicas en galego: as Sesións Destelo! Tralo éxito acadado nunha primeira tempada na que participaron seis agrupacións musicais do máis diversas, este venres comeza unha nova etapa na que outras tantas bandas con letras en galego interpretarán os seus temas en lugares do máis peculiares.

O vindeiro venres 16 de febreiro terá lugar o lanzamento do primeiro dos vídeos, o da cantautora MJ Pérez. Trátase dunha interpretación moi especial gravada entre a néboa dunha mañá de inverno en Arzúa, un panorama ideal para presentarnos a Casandra. Logo desta estrea iranse dando a coñecer, paseniño, os outros proxectos participantes: ben seguro sorprenderán a máis de unha! 🙂

A segunda tempada: de febreiro ata abril (polo menos!).

Tal e como fixemos na primeira tempada iremos estreando unha nova sesión cada dúas semanas. Cinco das actuacións que conforman este novo ciclo xa están gravadas, pero hai algunha máis pendente de realizar; non se descarta que na segunda temporada se supere a cifra dos seis vídeos que compuxeron a primeira. Entre sesión e sesión tampouco estaremos quedas: iremos publicando nas redes do proxecto contido audiovisual adicional, así como tamén o xa tradicional Como se fixo no que se amplia a información de cada un dos grupos participantes e da sesión correspondente.

Hai oito meses Alberto Busto abría o proxecto, e dende entón todo foron boas noticias. As críticas recibidas animáronnos a seguir adiante coa realización duns vídeos que hoxe suman xa máis de 2.500 reproducións e que trouxeron a máis de 1.500 usuarios únicos polo sitio web. Con estes datos témolo claro: a música en galego interesa, e queremos ser un dos seus altofalantes, a escusa para que a xente se achegue a ela. Cada vez son máis os grupos que queren saír do ourizo!

MJ Pérez abrirá o vindeiro venres a segunda tempada das Sesións Destelo.
MJ Pérez abrirá o vindeiro venres a segunda tempada das Sesións Destelo.

As sesións des sempre… con algunhas novidades!

A premisa segue sendo a mesma: dar a coñecer dunha maneira simple e directa, sen grandes artificios, bandas e solistas que fan música en galego . Por iso, nesta segunda tempada continuamos coa idea de achegar propostas musicais variadas en lugares nos que non é habitual ter música en directo, sitios curiosos que funcionan de perfecto envoltorio para acordes e melodías na nosa lingua.

Desta volta a realización dos vídeos é máis simple que nunca: se nas primeiras propostas contábamos cunha pequena edición de vídeo, esta redúcese agora ao mínimo para gozar da canción tal e como foi interpretada. Por ese motivo as novas sesións virán en plano-secuencia, sen cortes. Así foi, así o ves. Esta decisión fai maior fincapé, se cabe, na estética simple e directa do proxecto.

Música en galego, tamén por galegas.

Tal e como sinalamos cando fixemos a valoración da primeira tempada, notamos que só había presenza feminina nunha única sesión das seis que gravamos. Non nos parece que iso sexa representativo dos proxectos musicais que se fan en galego actualmente, polo que esta segunda tempada contará con maior presenza de mulleres nos proxectos participantes. Non é cuestión, nin nunca o foi, de meter mulleres polo simple feito de o seren, mais é lóxico que se procuramos proxectos musicais de calidade nos nosos días aparezan nomes femininos. Cremos que debe ser así porque é a realidade, mais tamén por xustiza histórica.

Un proxecto cultural por e para internet.

Sesións Destelo é un proxecto sen ánimo de lucro que ten como obxectivo facer promoción dos proxectos musicais que inclúen cancións en galego no seu repertorio para así poñer en valor a lingua propia fronte á inxente cantidade de medios de comunicación que non programan música no noso idioma. É un produto dos nosos días, nacido para ser publicado na rede e que outorga moita importancia tamén á comunicación nas mesmas, por iso estamos presentes en Facebook, Twitter, Instagram ou mesmo LinkedIn. Non esquezades seguirnos! 🙂

Imaxe destacada: Ben White.

Miguel Grandío
Audiovisual e comunicación. Cun importante gusto pola técnica, pero especialmente polo aspecto social, cultural e educativo do meu traballo. Encántame a música: rexístroa en fotos e vídeos e escribo sobre ela a miúdo. Saber máis.
2 COMMENTS
  • Sesións Destelo inicia segunda tempada co reto de encher a Rede de música galega | Código.gal
    Responder

    […] proxecto para Internet de sesións musicais acústicas en galego, Sesións Destelo, vén de iniciar …. Así nolo contan os impulsores desta iniciativa, dispoñíbel na web Destelo.gal e con data de […]

  • Como se fixo: #SDT07 – MJ Pérez | Sesións Destelo
    Responder

    […] repaso de materiais, planificación de datas… Custou, pero chegou por fin. Arrancamos xa a segunda tempada das Sesións Destelo! A inercia do traballo ben feito vainos ir arrastrando durante semanas por unha serie de vídeos […]

Deixar unha resposta